venres, 7 de marzo de 2014

Competencia da nosa competencia

Nun curso que estou facendo sobre o uso das TIC na aula de Lingua e literatura propuxéronnos ver un vídeo onde Jordi Adell sobre os compoñentes da competencia dixital.


 
Das cinco subcompetencias que menciona -informacional, tecnolóxica, alfabetizacións múltiples, cognitiva xenérica e cidadanía dixital- tres veñen sendo tamén competencias en comunicación e, polo tanto, obxecto central da materia que imparto.

  • Subcompetencia informacional é o conxutno de coñecementos, habilidades ou destrezas necesarios para traballar con información (buscala, pero tamén entendela, analizala, creala...).
  • Alfabetizacións múltiples require formar en linguaxes diferentes da oral e da libresca. Estas dúas son, por suposto, obxecto central da materia de Lingua e literatura galega, pero non se pode esquecer que o currículo contempla traballar tamén os textos que se atopan en internet, o cine, a publicidade ou a linguaxe non verbal en xeral.
  • Competencia cognitiva xenérica refírese á habilidade para converter información en coñecemento, relacionándoa co que xa se sabía. Non pode esquecerse a estreita relación do desenvolvemento lingüístico e do cognitivo, polo que tamén aquí os profesores de lingua temos un papel importante.
En realidade, tamén a cidadanía dixital, ou a preparación para vivir e relacionarse nun mundo en que o virtual ten tanto peso coma o real é cousa moi nosa: igual que traballamos os rexistros e os esquemas propios para producir unha comunicación lingüística adecuada e eficaz noutros ámbitos, debemos traballar as do ambito dixital.

En resumo, a dixital é unha das competencias básicas que máis nos compete aos profesores de Lingua e literatura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario