martes, 8 de abril de 2014

Díaz Castro, en exclusiva



Este ano, a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas ao poeta Xosé María Díaz Castro. Para achegarnos á súa figura, propóñovos facerlle unha entrevista ficticia para a famosa revista Ola. Lembrade que un bo xornalista se documenta sobre a vida e a obra da persoa a quen vai entrevistar. Iso tendes que facer vós. Podedes consultar entrevistas anteriores, páxinas web monográficas sobre o autor ou dedicadas á literatura galega, entre outras.

sábado, 22 de marzo de 2014

Meu meniño, cando chegues

Deixo aquí un videopoema baseado no texto de Xulio L. Valcárcel que comeza co verso "Meu meniño, cando chegues". Cando chegues en PhotoPeach

mércores, 12 de marzo de 2014

venres, 7 de marzo de 2014

Competencia da nosa competencia

Nun curso que estou facendo sobre o uso das TIC na aula de Lingua e literatura propuxéronnos ver un vídeo onde Jordi Adell sobre os compoñentes da competencia dixital.


 
Das cinco subcompetencias que menciona -informacional, tecnolóxica, alfabetizacións múltiples, cognitiva xenérica e cidadanía dixital- tres veñen sendo tamén competencias en comunicación e, polo tanto, obxecto central da materia que imparto.

  • Subcompetencia informacional é o conxutno de coñecementos, habilidades ou destrezas necesarios para traballar con información (buscala, pero tamén entendela, analizala, creala...).
  • Alfabetizacións múltiples require formar en linguaxes diferentes da oral e da libresca. Estas dúas son, por suposto, obxecto central da materia de Lingua e literatura galega, pero non se pode esquecer que o currículo contempla traballar tamén os textos que se atopan en internet, o cine, a publicidade ou a linguaxe non verbal en xeral.
  • Competencia cognitiva xenérica refírese á habilidade para converter información en coñecemento, relacionándoa co que xa se sabía. Non pode esquecerse a estreita relación do desenvolvemento lingüístico e do cognitivo, polo que tamén aquí os profesores de lingua temos un papel importante.
En realidade, tamén a cidadanía dixital, ou a preparación para vivir e relacionarse nun mundo en que o virtual ten tanto peso coma o real é cousa moi nosa: igual que traballamos os rexistros e os esquemas propios para producir unha comunicación lingüística adecuada e eficaz noutros ámbitos, debemos traballar as do ambito dixital.

En resumo, a dixital é unha das competencias básicas que máis nos compete aos profesores de Lingua e literatura.

martes, 25 de febreiro de 2014

Presentación


Comezamos hoxe un novo proxecto: o blog de aula Unha casa en Chachauí. Nel abordaremos os distintos contidos da materia de Lingua e literatura galega: sobre todo, a expresión e a comprensión escritas, pero tamén a expresión oral, a sociolingüística, a literatura... O blog servirá para propoñer tarefas e tamén para que o alumnado poida subir e facer visibles para o resto da comunidade educativa as valoracións de lecturas, as presentacións, redaccións, vídeos, podscasts... froito do seu traballo.

Como é un proxecto colectivo, unha casa que construímos xuntos, o nome escollémolo entre todos. Partimos da lectura dunha escolma de poemas de autores galegos e, a partir dos seus títulos e versos, propuxéronse na aula nomes para o blog. O máis votado resultou ser Unha casa en Chachauí, que parte do poema homónimo de Avilés de Taramancos, un texto que gustou moito pola súa sonoridade. Moi preto quedou Labregos da linguaxe, extraído dun coñecido poema de Celso Emilio Ferreiro, e que nos gustaba tamén porque incidía, por unha banda,  nos obxectivos do blog de traballar en e coa lingua, e, por outra, na reivindicación do uso do galego, no traballo pola lingua.