Comezamos hoxe un novo proxecto: o blog de aula Unha casa en Chachauí. Nel abordaremos os distintos contidos da materia de Lingua e literatura galega: sobre todo, a expresión e a comprensión escritas, pero tamén a expresión oral, a sociolingüística, a literatura... O blog servirá para propoñer tarefas e tamén para que o alumnado poida subir e facer visibles para o resto da comunidade educativa as valoracións de lecturas, as presentacións, redaccións, vídeos, podscasts... froito do seu traballo.
Como é un proxecto colectivo, unha casa que construímos xuntos, o nome escollémolo entre todos. Partimos da lectura dunha escolma de poemas de autores galegos e, a partir dos seus títulos e versos, propuxéronse na aula nomes para o blog. O máis votado resultou ser Unha casa en Chachauí, que parte do poema homónimo de Avilés de Taramancos, un texto que gustou moito pola súa sonoridade. Moi preto quedou Labregos da linguaxe, extraído dun coñecido poema de Celso Emilio Ferreiro, e que nos gustaba tamén porque incidía, por unha banda, nos obxectivos do blog de traballar en e coa lingua, e, por outra, na reivindicación do uso do galego, no traballo pola lingua.

Ningún comentario:
Publicar un comentario